En As Vacas Dos Meus, o benestar animal non é unha moda nin un argumento de marketing: é a base desta gandería, o cemento sobre o que se constrúe esta casa.
O benestar animal significa que un animal poida vivir en equilibrio co seu entorno, cunha vida digna, libre de sufrimento innecesario, dor, medo ou fame, e coa posibilidade de expresar o seu comportamento natural. Supón respectar non só a súa saúde física, senón tamén o seu estado emocional e a súa forma de estar no mundo.
Esta maneira de entender a gandería baséase nos principios coñecidos como as Cinco Liberdades do benestar animal, que aquí se procuran respectar no día a día:
Libre de fame e sede, con acceso continuo a auga limpa e a unha alimentación baseada no pastoreo, complementada con forraxes de calidade cando é necesario. Se aportan complementos vitamínicos e minerais cando é necesario para asegurar que os animais estén ben nutridos.
Libre de incomodidade, vivindo en liberdade durante todo o ano, con espazo, abrigo natural (sebes e arboledas) e descanso en condicións acordes ao medio no que habitan.
Libre de dor, lesións e enfermidades, mediante a observación diaria que permite saber cando un animal non está ben, axudado coas cámaras de videovixilancia, pódese actuar con rapidez e chamar ao veterinario clínico ante calquera problema. Tamén se fan seguimentos periódicos para controlar o estado de saúde.
Libre para expresar o seu comportamento natural, convivindo en rabaño, movéndose libremente polo territorio e mantendo ciclos naturais de reprodución e cría.
Libre de medo e angustia, cun manexo tranquilo e respectuoso que evita o estrés e entende que cada animal é un ser vivo cun carácter propio. Conviven coa fauna salvaxe polo que a contan con mastíns e cámaras con IA que emiten son e luz cando detectan intrusos para disuadir a depredadores.
Aquí non se trata só de producir carne. Trátase de criar animais con dignidade, entendendo que detrás de cada vaca e cabalo hai unha vida que merece ser respectada.
Porque unha gandería que respecta aos seus animais é tamén unha gandería que respecta á terra e ás persoas.
«Unha gandería ética non só produce alimento: cultiva futuro»
En As Vacas dos Meus, a gandería non se entende só como unha actividade produtiva. Foi o legado que meu pai me deixou, que me cambiou a vida e quero que teña un significado mais profundo. Quero aportar algo ao mundo.
A través da gandería e de todas as actividades vinculadas a ela, busco coidar e mellorar a paisaxe, conservar os ecosistemas do Xistral e protexer a vida no rural, entendendo que o territorio, os animais e as persoas forman parte do mesmo equilibrio.
O pastoreo extensivo contribúe a manter abertas as paisaxes, controlar o avance do mato e conservar ecosistemas de enorme valor ecolóxico como os brezais húmidos e as turbeiras da Serra do Xistral, ao tempo que permite que o monte siga sendo un espazo vivo e produtivo.
Este modelo tamén busca defender a dignidade da vida no rural, demostrando que é posible producir alimentos de moita calidade ao mesmo tempo que se respecta a terra e se manteñen vivos os coñecementos e prácticas tradicionais que durante séculos modelaron esta paisaxe.
A carne que se produce nesta gandería é unha carne ética, criada en liberdade e baseada no respecto polos ritmos naturais dos animais. Aquí priorízase sempre o benestar das vacas fronte á obsesión por producir máis peso en menos tempo, unha lóxica que domina boa parte da produción intensiva actual.
Non se busca a carreira por alcanzar máis quilos a calquera prezo. O que se busca é equilibrio, saúde e dignidade para os animais, porque unha gandería responsable non só produce carne: tamén coida da terra, das persoas e do futuro do rural.
O benestar dos animais tamén pasa por coidar da súa saúde con responsabilidade e atención constante.
En As Vacas dos Meus cada animal está baixo un seguimento sanitario continuo. A observación diaria é a primeira ferramenta: coñecer ás vacas, saber como se comportan, como comen ou como se moven permite detectar calquera cambio antes de que se converta nun problema.
Este traballo complétase cun sistema veterinario sólido que inclúe seguimento clínico individualizado, servizo de urxencias 24 horas, controis sanitarios periódicos coa ADSG (Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira) e as correspondentes campañas de saneamento da Xunta de Galicia.
Tamén se realizan vacinacións e desparasitacións controladas que se intentan reducir ao mínimo, así como analíticas de sangue periódicas para comprobar o estado sanitario dos animais e anticiparse a posibles problemas.
Todo isto permite manter o gando san, tranquilo e ben coidado, porque unha gandería responsable non só se preocupa de producir, tamén se preocupa de coidar.
En As Vacas dos Meus as vacas e os cabalos viven en liberdade e aliméntanse principalmente do que ofrece o propio monte: herba verde durante todo o ano, complementada no inverno con silo e forraxe, ademais de pedras de lamber ricas en minerais e vitaminas sempre dispoñibles cando o animal as precisa. Lograr que os animais estén ben nutridos co alimento mais natural posible.
O manexo segue a filosofía de antepoñer o benestar. As visitas ao rabaño fanse con calma, establecendo rutinas previsibles e un trato tranquilo, que permite coñecer a cada animal e detectar calquera cambio no seu comportamento. Pequenos xestos sinxelos, como ofrecer pan vello picado como lambetada, axudan a crear confianza e a reforzar a docilidade sen necesidade de forza. Se saben que sempre lles levas un «cariño» cando as vas a ver, se te sinten, corren elas a ti e isto fai que cando é preciso movelas ou metelas en manga o fan mais tranquilas. Redúcese a man de obra e estrésanse menos.
As vacas conviven ademais con mastíns que as protexen da fauna salvaxe, formando parte dun equilibrio necesario para que o gando poida vivir en liberdade nun territorio onde tamén habitan outras especies. Estes cans tamén reciben un seguimento veterinario rigoroso, porque coidar deles é tamén coidar da saúde do resto do rabaño. Son consciente que son grandes gardiáns para o lobo e o raposo que tanto abundan nesta zona pero que tamén poden ser vectores de enfermidades nos seus excrementos.
Todo está pensado para reducir o estrés, favorecer o comportamento natural dos animais e permitir que vivan con tranquilidade. Porque nesta casa temos algo claro o mantra que tanto repito cada poucas frases nesta web: criar ben é sempre máis importante que producir máis.
Cada animal ten nome, historia e carácter. É significativo deixar esta liña para o final do parágrafo por que en tódalas gandeirías, do primeiro do que se fala é da raza coa que se traballa e da pureza ou especialización desta.
En As Vacas dos Meus, isto é secundario polo momento. VOU AO REVÉS DE TODO O MUNDO.
Traballo coas vacas que me deixou meu pai: animais rústicos, lonxevos, con boa capacidade de parto e de cría. Predominan as razas que tradicionalmente se usaron toda a vida nesta zona, rubia galega e parda asturiana, pero tamén temos blonde, azul belga, charolaise, vianesa… ¡Benvidos á ONU bovina!
A maioría destas vacas son fillas, netas e tataranetas de vacas do Domingo e da Arcadia que naceron, viviron e morreron nestes prados e montes, mais adaptadas non poden estar ao medio. Se ben lles debo aos veciños ensinarme a ser gandeira, débolles ás miñas vacas regalarme a posibilidade de soñar con selo. Eu ía vendelas e seguir coa miña vida, pero verme obrigada a ter que alimentalas, observalas, coñecer os seus tempos e as súas necesidades, fixo que algo dentro de min cambiara.
Nun momento no que a vida se rompeu pola perda, elas convertéronse nunha forma de seguir en pé cando todo parecía parar. Os animais non preguntan, non xulgan nin buscan explicacións. Simplemente están. E esa presenza silenciosa tivo algo profundamente reparador no meu proceso de duelo. Asi que non son moito quen de miralas unicamente con interese económico. Quero coidar delas como sentín eu que coidaron de min cando me fixo falta.
Entendo que buscar unha pureza e unha xenética homoxeiniza as características dun rabaño pero hai moitas razóns polas que seguir unha liña de cría.
Meu pai non era gandeiro, era un namorado das vacas que disfrutaba de crialas, de observalas e de aprender delas. Na casa había outra actividade económica polo que se puido permitir o luxo de disfrutar de criar gando á súa maneira, de non tolear con intensificar a produción e levar as vacas ao extremo.
Introducía animais con diferentes rasgos porque lle gustaban e para buscar animais adaptados á orografía e clima e facilidade nos partos.
Eu quero seguir facendo iso, procurar un equilibrio entre eficiencia alimentaria, rusticidade e benestar animal.
O obxectivo é criar animais capaces de aproveitar o pasto, parir sen asistencia, aleitar as súas crías e medrar de forma sostible sen depender de suplementación intensiva. A obsesión polo tanto deixa de ser buscar animais que logren pesos e tamaños demenciais e convírtese en crear un pasto super nutritivo e natural sin aditivos químicos nin pesticidas de ningún tipo para lograr producir unha carne sana e 100% natural, sabendo que estamos mellorando e protexendo a biosiversidade dos ecosistemas da contorna.
E anque sone poético, aquí está a realidade final, que esta filosofía de cría e produción me convirte en artesá de carne.
Xunto co gando vacún, nesta gandería tamén se crían cabalos en liberdade que pastorean o monte durante todo o ano.
A maioría son cabalos de monte, algúns certificados pola Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (PuRaGa) e outros mestizos, incluíndo tamén exemplares procedentes de diferentes razas españolas e algún cabalo pinto.
A tendencia a medio prazo é avanzar cara a unha maior presenza de equino de Pura Raza Galega, pola súa rusticidade e pola extraordinaria adaptación ás condicións climáticas e ao relevo da Serra do Xistral. No caso dos cabalos non teño tantos conflitos en homoxeneizar a greada da casa.
Estes animais desempeñan unha función ecolóxica fundamental. O seu pastoreo complementa o das vacas e contribúe á limpeza natural das fincas, realizando unha auténtica poda a dente da vexetación arbustiva.
Esta actividade é especialmente importante para conservar os ecosistemas de matorral húmido atlántico presentes nas turbeiras do Xistral. O consumo de vexetación axuda a controlar especies competidoras como o toxo e as silvas, evitando que limiten o desenvolvemento dos brezais, un hábitat de enorme valor ecolóxico.
En realidade, isto non é unha estratexia de conservación nova nin unha innovación recente. É o que fixeron sempre os veciños desta terra: manter cabalos no monte para evitar que o mato avance e permitir que as vacas dispoñan de zonas de pasto.
A diferenza é que hoxe contamos con máis coñecemento científico e ferramentas técnicas que nos permiten entender mellor o valor ecolóxico deste manexo tradicional e comunicar ao resto do mundo a importancia do traballo que se realiza nestes montes.
Porque, aínda que ti esteas noutra parte de Galicia —ou mesmo do planeta— seguimos a compartir a mesma terra e o mesmo clima.
As turbeiras ocupan aproximadamente o 3 % da superficie terrestre, pero almacenan máis carbono que todos os bosques do planeta xuntos. Por iso son ecosistemas clave na loita contra o cambio climático.
A Serra do Xistral alberga o maior sistema de turbeiras de cobertor da Europa meridional, un ecosistema único que funciona como gran almacén natural de carbono e refuxio dunha biodiversidade moi especializada.
Porén, a convivencia coa fauna salvaxe tamén implica retos importantes. Nesta zona existe un alto índice de ataques de lobo, o que fai complexo aumentar o número de cabalos.
A pesar destas dificultades, incrementar progresivamente a presenza de animais no monte sería clave para reforzar o papel da gandería extensiva na conservación do territorio e dos seus ecosistemas naturais.
Comprometida co benestar animal e a vixilancia constante, dispoño de cámaras de videovixilancia que funcionan con paneis solares, pese ás dificultades de non ter electricidade nunha das zonas con menos horas de luz de España e cunha orografía tan heteroxénea con moitos puntos aos que non chega internet.
A observación diaria dos animais é clave para coñecer a cada un deles de xeito individual, coa súa personalidade e patróns de comportamento que axudarán a identificar enfermidades ou outras anomalías
As cámaras permiten estar moito máis pendente dos animais, sobre todo en época de partos, nas que se interrumpe menos o proceso natural. Pódese facer o seguimento de celos e de animais enfermos con moita máis frecuencia ao longo do día, sendo compatible con outras obrigas do día a día. A gandería debe planificarse e organizarse para poder conciliar co resto de aspectos da vida.
Este reto reflíctese nun proxecto tan persoal que ata lle puxen nome: Vacamara.
Quero chegar a converter estas imaxes nunha xanela aberta ao mundo, cun streaming que amose a vida diaria das vacas, apostando por unha transparencia total e unha trazabilidade real, para que calquera persoa poida ver e comprobar que o que digo se corresponde co que faigo.
Ver dende dentro unha gandeiría en extensivo de alta montaña, dignifica e achega a profesión ao público que poderá valorar moito mais o produto e volver a converter a gandería nunha profesión ca que os nenos volvan a soñar. Promover o relevo xeracional é clave para o sector.