Son gandeira, si, pero tamén son enxeñeira, investigadora e sobre todo soñadora.
Medrei entre prados, son de chocas e conversas trala cociña de leña.
Hoxe, volto a esas raíces con novas ferramentas e unha nova mirada. Unha mirada que acolle o coñecemento científico, a tecnoloxía e os datos, pero que nunca esquece o pulso da terra nin a linguaxe silenciosa dos animais.
Monitoreo do gando cos colares GPS da casa IXORIGUE que permiten un seguimento en tempo real de cada unha das vacas con alertas intelixentes, monitoreo da carga gandeira, predicción de partos e mapas de pastoreo.
Sistema de control e observación en remoto que permite o seguimento do gando sen alterar a tranquilidade dos animais. As cámaras incorporan sensores de detección de movemento (PIR) con intelixencia artificial, capaces de identificar elementos previamente programados como persoas ou animais salvaxes.
O sistema conta tamén con alertas disuasorias de son e luz, destinadas a persuadir posibles intrusos e mellorar a seguridade do gando.
A instalación funciona de maneira autónoma mediante baterías e paneis solares, o que permite o seu uso fóra da rede eléctrica, algo especialmente necesario ao tratarse dunha explotación en extensivo con animais libres no monte e nunha das zonas con menor número de horas de luz solar de España como é a Serra do Xistral.
A conectividade realízase mediante tarxetas SIM, permitindo a transmisión de datos e o almacenamento na nube de imaxes e vídeos, facilitando o acceso á información en tempo real.
Esta tecnoloxía non só mellora o control e seguimento do gando, senón que tamén contribúe a unha maior conciliación da vida persoal da gandeira. A gandería xa non ten por que ser un traballo escravizado as 24 horas do día: a tecnoloxía pode ser unha aliada para dignificar e facer máis sostible esta profesión.
Os animais non falan e non poden dicirnos onde lles doe.
Por iso, o uso da tecnoloxía pode ser unha ferramenta moi valiosa para comprender mellor o que está a suceder e anticiparse a posibles problemas de saúde antes de que se volvan graves.
Os mamíferos, como animais de sangue quente, experimentan variacións de temperatura corporal asociadas a diferentes procesos fisiolóxicos, polo que o control da temperatura pode ser un indicador moi útil para detectar posibles alteracións no seu estado de saúde.
Neste contexto, os microchips RFID implantados no pescozo das vacas constitúen un dispositivo totalmente inocuo para o animal. Estes sensores permiten monitorizar a temperatura corporal de forma continua, facilitando a detección temperá de cambios fisiolóxicos, procesos inflamatorios ou sinais de malestar.
Deste xeito, a tecnoloxía convértese nun apoio para mellorar o benestar animal, permitindo unha resposta máis rápida e un manexo máis preciso do gando.
Co interese de empregar todas as ferramentas e tecnoloxías ao meu alcance para coidar o mellor posible dos animais, tamén estou investigando o uso de cámaras de termografía, que poderían permitir detectar cambios fisiolóxicos asociados ao celo ou a outras alteracións metabólicas.
Que bonitos son eses vídeos nos que unha nai saca unha fotografía ao seu fillo cada aniversario e logo mostra a evolución do neno en 20 anos nunha secuencia de imaxes. Pois iso mesmo quero facer eu con este proxecto de vida.
Co obxectivo de coñecer e avaliar de forma rigorosa a evolución da saúde do solo e da vexetación, implantarase un sistema de seguimento histórico do territorio mediante imaxes multiespectrais obtidas por satélite e tamén a través de voos de dron.
Este tipo de tecnoloxía permite analizar diferentes parámetros da cobertura vexetal, o vigor das plantas e o estado do solo, proporcionando información valiosa para comprender como inflúe o sistema de manexo do gando no ecosistema ao longo do tempo.
A análise destes datos facilitará observar e comparar a evolución do territorio, permitindo avaliar con criterios obxectivos o impacto do pastoreo sobre a biodiversidade, a recuperación da vexetación e a saúde do solo.
Grazas a esta información será posible implantar sistemas de pastoreo máis controlados e adaptados ao territorio, favorecendo o equilibrio entre actividade gandeira e conservación ambiental. Do mesmo xeito, este seguimento permitirá avanzar cara á eliminación progresiva da fertilización química, apoiándose na recuperación natural da fertilidade do solo a través do manexo do pastoreo.
Deste xeito, a tecnoloxía convértese nunha ferramenta clave para avaliar, mellorar e demostrar se existe un impacto positivo real sobre o territorio cunha gandería extensiva ben xestionada.
Quen ten pasado, ten futuro.
Ese é o principio que guía este proxecto: recoller datos, analizar a evolución da gandeiría e implementar melloras de forma continua ano tras ano.
A través da recompilación e análise de información —o que hoxe coñecemos como big data aplicado á gandería— preténdese avaliar con rigor diferentes aspectos do funcionamento da explotación:
a viabilidade económica deste modelo gandeiro, a evolución da xenética do gando, a calidade e valor nutritivo do pasto, a optimización do uso da auga e moitos outros indicadores clave.
O obxectivo é transformar todos estes datos en coñecemento útil que permita tomar decisións máis informadas, mellorar a xestión da explotación e avanzar cara a unha gandería cada vez máis profesional, eficiente e sostible.
Deste xeito, As Vacas Dos Meus aposta por un modelo de mellora continua baseado en datos, experiencia e aprendizaxe constante, demostrando que tradición e innovación poden camiñar da man no rural.