A MIÑA MISIÓN

Criar con sentido, producir con alma

En As Vacas Dos Meus soñase cun modelo gandeiro que volva poñer no centro o que realmente importa: o respecto pola vida, pola terra e polo tempo natural das cousas. Non producir por producir, senón criar con sentido, acompañando os procesos, entendendo a complexidade do ecosistema no que habitamos e traballando coa natureza, non contra ela. Gústanme os cartos coma a calquera pero o pan pa hoxe é fame para mañá.

A miña misión é facer compatible a produción de carne de calidade cun impacto positivo no territorio, garantindo o benestar animal, a mellora do solo e a conservación da biodiversidade. Apostar por unha gandeiría extensiva, consciente e resiliente, que non se basee na explotación nin na cantidade, senón no equilibrio, a saúde e a dignidade de todos os seres que forman parte da cadea.

Cada decisión que tomo —dende o manexo dos animais até a selección das pradeiras, pasando polo control sanitario, a reprodución natural ou a integración da silvicultura medicinal— está guiada por valores profundamente enraizados: respecto, coherencia, transparencia e coidado.

A primeira transformación foi a reducción do número de cabezas, a eliminación dos pensos e, paulatinamente, implementar un novo sistema de pastoreo, chegar a eliminar completamente os fertilizantes químicos e reducir ao mínimo os tratamentos veterinarios.

Faigo isto porque amo a miña terra. Porque quero que o rural siga a ser futuro, que as novas xeracións poidan vivir del sen ter que marchar. Porque todos sabemos que outra gandeiría é posible, e estou decidida a demostralo con cada paso.

En As Vacas Dos Meus, estase a desenvolver un ambicioso plan de acción para transformar a gandeiría tradicional nun modelo sostible, respectuoso co medio e co benestar animal, comprometido co territorio e coa economía circular. Estes son os principais proxectos e medidas que se están a poñer en marcha para facer realidade este cambio:

· Eliminar o uso de pensos no cebo, alimentando as vacas exclusivamente con herba, silo e forraxe de calidade.

· Chegar a suprimir os fertilizantes químicos, apostando pola mellora da fertilidade do solo a través de prácticas agroecolóxicas e rotacións de pasto.

· Implantar un sistema de pastoreo rotacional, con altas densidades de vacas pacendo por curtos períodos e longos descansos, fomentando a biodiversidade, a saúde do solo e evitando o sobrepastoreo.

· Reducir a presión parasitaria de forma natural, grazas ao pastoreo rotacional que rompe o ciclo vital dos parásitos, evitando reinfeccións e permitindo eliminar progresivamente desparasitantes químicos como a ivermectina.

· Instalar dispositivos para afastar as aves dos bebedeiros, minimizando o risco de contaxio de gripe aviar.

· Manter mastíns como protección disuasoria fronte á fauna salvaxe, buscando un equilibrio que permita ao gando vivir en liberdade con máis seguridade sanitaria.

· Seleccionar os animais priorizando a eficiencia no aproveitamento do pasto, docilidade, facilidade de parto e aptitude para a cría, evitando a obsesión por grandes pesos. Priorizar o benestar por riba de todo.

· Instalar cámaras de videovixilancia con paneis solares, superando as limitacións de ter pouca luz solar sen acceso á rede eléctrica nin a sinal wifi. Con isto quérese mellorar o control e seguimento diario dos animais, o benestar do gando e a conciliación do traballo e o ocio da gandeira titular.

· Integrar a produción na marca colectiva Saberes do Monte, poñendo en valor e certificando as boas prácticas dun sistema de manexo gandeiro que conserva hábitats únicos e contribúe ao desenvolvemento da bioeconomía rural.

· Desenvolver o proxecto Vacamara.com, para retransmitir en streaming a vida diaria das vacas e ofrecer transparencia total e trazabilidade real, máis aló de selos ou certificacións. Demostrar facendo.

· Desenvolver o proxecto Vacantes.gal, como compromiso social para loitar pola conservación do rural, fomentando redes de contactos entre persoas que se necesitan, novas oportunidades de emprego e vivenda fortalecendo a vida no territorio galego.

· Crear sebes vexetais e plantar árbores autóctonas, que dean sombra, protexan do vento e da choiva e sirvan como reservorio para aves, mellorando a biodiversidade e o confort animal.

· Establecer alianzas con negocios da contorna para reducir o seu desperdicio de alimentos transformándoo en alimento para os animais desta casa, xestionar o 100% dos residuos xerados na explotación e potenciar a sustentabilidade.

· Recoller e reciclar os plásticos agrícolas xerados pola explotación (aproximadamente uns 250 kg anuais de filme de ensilado de polietileno de baixa densidade ILLDPE ou PEBD procedentes dos silos), enviándoos á empresa Tyma en O Pino para a súa correcta reciclaxe.

· Compostar os restos de podas, estercos de galiñas e coellos, para completar o abonado natural das fincas e mellorar a fertilidade do solo sen recorrer a produtos químicos.

· Poñer en marcha o proxecto VacUp, que permitirá observar e datar a evolución do solo e da vexetación ao longo dos anos, avaliando se este modelo de xestión gandeira máis respectuoso co medio se traduce nun cambio positivo para a biodiversidade, para a saúde do ecosistema e a se trae consigo a viabilidade económica da gandeiría.