A HISTORIA DESTA AVENTURA

As Vacas dos Meus non naceu dun plan de empresa, non naceu de cero:
naceu dun agradecemento, dunha perda e dunha esperanza

Máis de 50 anos de traxectoria

Na década dos 60, meus avós regresaron da emigración no Reino Unido coa ilusión de comezar unha nova vida. Arcadia e Domingo compraron unhas terras, fixeron unha casa e fundaron a gandeiría. Naquel tempo, a gandeiría non era unha profesión, era un estilo de vida, un xeito de entender o mundo no que o coidado do medio, a convivencia cos veciños e a colaboración mutua eran o máis natural do mundo. Os grandes traballos —a seitura, a malla, as matanzas— convertíanse en días de festa. Axudarse era celebrar a vida xuntos. A cooperación non era estratexia, era cultura.

Pasaron os anos, e o meu pai colleu o relevo, ademais de todas as cousas que fixo ao longo da vida porque foi un home moi decidido e adiantado á súa época. Pero en marzo do 2023, faleceu de forma repentina, deixando un baleiro inmenso e un rabaño que era moito máis que traballo: era familia. Sen tempo para pensar, poñerme ao fronte da gandeiría foi un acto de amor e responsabilidade, que compaxinei durante un tempo co meu traballo como enxeñeira. Pero chegou o momento no que soupen que ou lle entregaba o corazón enteiro, ou non sería fiel a esta historia.

“Non se trata só de criar animais. Trátase de criar futuro, de coidar o que nos coida, e de lembrar que o respecto e a terra sempre pagan o esforzo.”

Así nace As Vacas Dos Meus tal e como hoxe a coñecemos

Un proxecto que honra o pasado, pero que tamén se atreve a reinventalo. Un proxecto que conserva o esencial pero se atreve a transformarse. Un modelo gandeiro que aposta pola vida, pola biodiversidade e por unha maneira máis consciente de producir. Un espazo onde a innovación e a tradición camiñan da man.

Puiden entón integrar a miña outra paixón: o cultivo de Arnica montana, que xa viña desenvolvendo desde o 2013, nun proxecto pioneiro na contorna, combinando ciencia, innovación e respecto pola biodiversidade.

Hoxe, continuamos este camiño co mesmo espírito dos meus avós: traballar coa natureza, non contra ela; criar con dignidade; vivir co pé na terra e a mirada posta no futuro. Porque as raíces máis fondas son as que mellor sosteñen os soños.

O proxecto trata de conservar as cousas que se facían ben na gandeiría tradicional e buscar un novo sistema de gandeiría no que as vacas e os cabalos sexan os axentes activos de transformación, cun sistema de pastoreo mellor planificado e organizado e a eliminación paulatina de abonos químicos.